Na rolda de xuntanzas que Narón por Diante está a manter con entidades e veciñanza para coñecer de primeira man como ven a situación actual da nosa cidade, fixemos unha paréntese para reunirmonos con Hassan, un dos nosos veciños, dende hai máis dunha década ven compartindo con nós a súa vida.
Hassan , como outros cidadáns españois nados antes de 1975 no Sáhara Occidental está a vivir unha situación digna do “Proceso” de Kafka.
Cando as autoridades españolas abandoaron á súa sorte o Sáhara Occidental e permitiron que fose ocupado por Marrocos, moitos saharauís tiveron que comezar unha diáspora que dura xa máis de corenta anos.
Hassan naceu no Sáhara Occidental cando este era territorio español e de pai español, pero a xustiza deste mesmo estado decidiu que a súa documentación diga que é “apátrida”. Son moitos os saharauís aos que non se lles recoñece patria, unha vez máis o mesmo Estado español que abandonou ao pobo saharauí, denégalle a Hassan os seus dereitos, o seu DNI español, á súa nacionalidade.
E isto sen darlle explicación, deixando así a un cidadán que a todas luces debería ter dereito a ter a nacionalidade española indefenso legalmente o que é un dereito constitucional e internacional.
Para afondar no surrealismo o seu carnet de conducir si recoñece que Hassan naceu en España, e polo tanto implicitamente a súa nacionalidade española.
Como cidadán leva 15 anos vivindo en España, cotizando en chan español, naceu en chan español...pero o estado español o deixa no limbo de non ter nacionalidade, nun limbo legal.
Malía todo é unha persoa comprometida co seu pobo participando ademáis como voluntario, ano tras ano, no programa “Vacacións en Paz”, grazas ao cal nenas e nenos saharauís poden fuxir durante os meses de verano das terribles condicións dos campamentos.
O noso voceiro André Abeledo foi un dos voluntarios que acompañou aos nenos saharauís ao seu regreso aos campamento e puido coñecer de primeira man a difícil situación do pobo saharauí no desterro do deserto Alxerino, pero tamén entender mellor os lazos que nos unen con este pobo irmá.
As compañeiras e compañeiros de NARÓN POR DIANTE comprometémonos con Hassan nesta causa xusta, para tentar facer público o seu caso e o de tantas e tantos saharauís residentes en territorio español, e denunciar unha situación inxusta que ten que rematar, non podemos ter cidadáns saharauís vivindo como apátridas, cando o Estado español segundo as leis internacionais continua sendo a potencia administradora do Sáhara ocupado, non podemos permitir a indefensión legal de Hassan.
O estado español ten unha débeda histórica co Sáhara Occidental, unha débeda impagable despois de tanto sufrimento, cando menos non lles neguemos a situación legal que lles corresponde.
Dende NARÓN POR DIANTE imos facer o que estea na nosa man para denunciar esta situación kafkiana na que vive Hassan e o pobo saharauí.


Comentarios
Publicar un comentario