Xuntámonos con CEIDA para consultar de cara a elaborar o noso programa medioambiental

O Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) deu o seu punto de vista sobre o programa ambiental da formación naronesa, sendo a consulta moi produtiva en canto aos principais eixos do mesmo.

A retirada de eucaliptos, fomentando a concienciación e a substitución de especies, con especial énfase en terreos de titularidade pública; a renovación do alumeado público por un máis eficiente, ou unha proposta técnica para a elaboración dunha liña de transporte público ao Polígono do Río do Pozo, foron os principais temas a tratar.

Lembremos que André Abeledo, candidato a Alcaldía de Narón por Diante presentou ao Pleno de Concello unha "Moción pola defensa da biodiversidade fronte á eucaliptización", na que se solicitaba:

      -Que o concello de Narón se declare a prol da biodiversidade, do mantemento, conservación e recuperación sostible da flora e a fauna autóctona da nosa terra e que se elabore unha ordenanza municipal que inclúa beneficios para os propietarios de plantacións con especies autóctonas.

      -Solicitar do Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño a inscrición do eucalipto no Catálogo de Especies Exóticas e Invasoras do estado español.

      -Solicitar á Xunta de Galicia colaboración para elaborar un plan municipal de prevención de lumes con especies autóctonas como xa se está a facer noutros Concellos galegos.

       -Facer cumprir con carácter urxente as distancias mínimas especificadas no anexo II da Lei 7/2012, de 28 de xuño, de montes de Galicia, para:

        *Afastar debidamente esta especie dos mananciais, regatos e ríos.

        *Separar de calquera ben inmoble, dos pastos e das zoas agrarias.

         *Afastar as plantacións das estradas convencionais e liñas eléctricas.

         *Romper a continuidade das masas forestais de eucalipto con distancias mínimas de separación.

Abeledo insiste en que o futuro da Galiza pasa tamén pola defensa da nosa biodiversidade, a nosa fauna, a nosa flora, e por unha ordeación do territorio racional e sostenible que permita deixar aos nosos fillos unha Galiza mellor.

Unha das propostas máis relevantes, agora que se aproxima o ano Xacobeo, pasará pola mellora dos itinerarios do Camiño de Santiago e de San Andrés de Teixido, actualmente en pésimo estado, facendo fincapé na accesibilidade a persoas con mobilidade reducida e o seu aproveitamento como sendeiros urbáns.

Narón por Diante contará con outras propostas no seu programa coma a creación de máis espazo público, integrando o medio natural co rural e o urbano, mediante sendeiros verdes que se introduzan nos diferentes barrios. A humanización dos barrios completarase coa proposta técnica de rúas peonís e a arborización, que limitará a contaminación visual e acústica.


Comentarios